Programas 06/07 - 05 - 2006


Esta é unha xornada importantísima en distintas frontes... en primeiro lugar, o sábado, o Pontevedra tiña un cita en Canarias, que sen chegar a ser decisiva, podia supoñer un paso moi importante para que os do Lérez se instalaran comodamente no camiño do "play off" do ascenso...

Esa tarde, non se aclararon demasiadas cousas máis nas distintas categorías, ainda que tivemos un gran choque entre dous dos equipos máis fortes da terceira división, o Deportivo B e o Lugo, que deron un gran espectáculo futbolístico e demostraron por que uns e outros van loitar dentro dunhas semanas polo ascenso á segunda división B. O resultado final, xa o coñecedes, Depor B 1 - Lugo 3.

Un lector do BLOG envioume esta fotografia do Lugo de 1958, cinco anos despois da sua creación.. sorte para todos os equipos Galegos que xoguen esa liguiña de ascenso.
Esa tarde tivemos moitas mensaxes, como é habitual no 5885.. en máis de unha ocasión me teñen preguntado como é o sistema de mensaxes que habilitamos na Radio Galega para comunicarnos cos nosos ointes, este é o aspecto da páxina na que lemos as vosas mensaxes..

E así foi pasando a tarde... Manolo Canabal comentaba o choque entre Valencia e Atlético de Madrid, que acabou con empate a 1.. e mentres tanto, algúns non perdian o tempo.

E chegou o domingo... unha xornada apaixonante onde se xogaban moitas cousas: ascensos, descensos, europa.. en fin, emoción futbolística en estado puro. Pola mañá tiñamos como aperitivo a Fernando Alonso e Shumacher, que nos daban un espectáculo inenarrable á hora de comer.

A tarde viña marcada por duas circunstancias: a retirada de Zidane e o dobre enfrontamento Vasco-Galego, que podia deixar a uns dentro ou fora de europa e comprometer aos vascos en sufrimentos de descensos.. pero vaiamos aos poucos.. O Celta xogaba ás 5 da tarde en Anoeta.. un partido que se lle puxo moi costa arriba, que máis tarde empatou e que non foi quen de gañar para asegurar a UEFA ou quen sabe se poñerse de novo na porta da champions, xa que Osasuna perdía.

O outro partido que nos achegaba Raul Villares era o de Xerez, no que o Racing unha vez máis non era quen de gañar.. esperemos que este domingo sexa distinto e Vara poida enderezar o rumbo deste barco que vai contra as pedras se ninguén o evita.
Sinto non dispoñer de ningunha foto dese partido, pero por falta de tempo non puiden remexer nas "miñas fontes habituais", así que se alguén me quere facilitar algunha, poñereina con gusto.
O Celta B gañou no derbi contra o Ourense, e o Negreira daba conta do San Sebastián de los Reyes.. unha gran tarde para os Galegos, que daban pasos de xigante para escapar do descenso.

Os marcadores dictaban sentencia.. satisfactorias para uns... dramáticas para outros.. e así a tarde pasaba con tristura en Cadiz que se sumaba ao Málaga na caida libre á segunda división. Os gaditanos teñen unha boa afección que soubo recompensar o esforzo dos seus xogadores.. "pero que carallo" a ninguén lle gusta baixar de categoría...


Zinedine Zidane foi todo no fútbol.. pero con todo o respeto para todos os siareiros do Madrid, eu quédome coa emoción da retirada de Fran no Depor ou de Vicente no Celta... ¿que queredes? Eu sempre quedo co produto noso.. que para os demais xa hai profetas abondo.
E chegou o partido das nove.. O Deportivo tiña a oportunidade de meter ao Celta en problemas pola praza da UEFA, xa que o empate do Celta en Donostia non chegaba para asegurar máis ca intertoto. O Atleti non amosou nada en Riazor, salvo que meteu dous goles máis ca os de Caparrós.. Ao final, decepción en Coruña e a intertoto pendente do partido deste sábado en Alava....

Este foi en síntese o Galicia en goles desta fin de semana.. para a que ven, espero contarvos con máis tempo o que foi a derradeira xornada da primeira división e comentarvos tamén como foi a gala da entrega dos premios Zico, no que prometo sacar fotografías para "encher un caldeiro".
¡Oímonos o sábado desde as 6 da tarde!
