Galicia en goles

Blog que conta as miñas experiencias no programa "Galicia en goles" da Radio Galega

03 mayo 2006

Programas 29/30 - 04 - 2006

Pois alá foi o derbi… toda a expectación que se desatou durante a semana desembocou nun derbi que será recordado polo maravilloso espectáculo nas gradas, e esquecido polo xogo que nos regalaron celestes e branquiazuis. Por suposto que en fútbol o único que importa é o resultado –que llo pregunten aos siareiros do Celta- pero é unha mágoa que por unha vez, non houbese concordancia entre bancadas e campo.

Comezamos o programa do sábado buscando o ambiente previo ao derbi e enganchándonos á narración de Alfonso Pardo que desde Lugo nos facía soñar cunha posible vitoria ao Real Madrid de Baloncesto. Unha vez máis non puido ser e ao Breogán vánselle escapando as opcións de permanencia, igual que se lle escaparon ao Cangas frigoríficos do Morrazo, que non estará na liga de balonmán máis importante do mundo, segundo din.... e creo que non se equivocan aqueles que afirman tal cousa.

E con estas duas referencias puxemos en marcha o programa, no que recibiamos a visita de dous populares actores que xa nos acompañaran no partido de ida. Antonio Durán “Morris”, representando o Celtismo e Vitor Fábregas dos “Tonechos” representando ao Deportivismo; Roberto, o outro “Tonecho” (o papá) sufria en Lugo a derrota do Breogán dos seus amores.

Neste caso, Morris desquitouse do 0-3 do partido de ida, e a pesar de que Vitor pretendía enredalo para quitarlle ferro á vitoria; pero a cara de compracencia de Antonio din que ainda a mantén a dia de hoxe.

Como sabedes, e como nos relataron Andres Vieites e Xaime Escudeiro, o Celta gañou o partido, ante a decepción da parroquia Coruñesa e a satisfacción dos máis de 3000 Celtistas que se desprazaron desde toda Galicia ao estadio de Riazor que vian como os seus vencian no derbi.


O Deportivo non foi capaz de sobrepoñerse ao primeiro gol do Celta, que entrou despois de tocar no brazo de Silva. O Deportivo intentouno sen demasiada convicción ata que nun contraataque celeste Perera matou o partido poñendo o definitivo cero a dous no marcador de Riazor.


Así foi como recolleu a Voz de Galicia a noticia do derbi…


E así foi como o recolleron en Vigo…


Quedaba por ver, despois do derbi, que pasaba co Barça… en Balaidos interesaba que o Barça gañara e o Valencia empatase ou perdese ao día seguinte, para poder recibir aos Cataláns na xornada do mércores como campións de liga, pero os ches non fallaron e o Barça, sufriu, pero gañou.


Etoo non da unha ultimamente… o Pichichi pesa, e o guaje Villa “enchufa” todas… esperemos que en Balaidos Etoo tampouco poida coa resposabilidade.

E así pasou o sábado, e chegou o domingo… onde o Celta B deixou claro que se tomou en serio o de salvar a categoría; onde o Negreira demostrou xusto o contrario e onde Ourense e Pontevedra non foron capaces de gañar os seus respectivos partidos.

Quedaba a cita co Rácing de Ferrol… A Malata vestiase de gala para apoiar aos seus, pero o Numancia non deixou respirar aos Ferroláns que perderon estrepitosamente un partido que había que gañar con urxencia.


Máis tarde, recibimos a visita de un auténtico atleta.. se Valerón é o cerebro do deportivo, Munitis é o pulmón. Tamén contabamos con Baiano, pero un imprevisto de última hora fixo que non estivera con nós, como era o noso desexo.


Pedro Munitis é un home sencillo e tranquilo, que non se corresponde para nada coa imaxe de “ferrote” que ten no campo. Como ven sendo tradición ultimamente, Pedro fixo a quiniela para Galicia en goles; quiniela que podedes consultar na web da peña quinielística
GNG

Total, que Galicia en goles viviu unha fin de semana chea de emocións, foron moitas horas en directo nas que gozamos do fútbol en estado puro, da paixón das afeccións a flor de pel, dos goles e das rivalidades, das decepcións e das esperanzas postas na seguinte xornada.. así é o fútbol e así o contamos na Radio Galega. Esperámosvos este mércores desde as 19:30. Galicia en goles ha montar de novo o telderete para vivir con vos todas esas emocións indescriptibles.