Galicia en goles

Blog que conta as miñas experiencias no programa "Galicia en goles" da Radio Galega

24 abril 2006

Programas 22/23 - 04 - 2006

Ola.. que maravilla de tempo que tivemos esta fin de semana, ¿a que si?

O tempo é algo que eu sempre teño dunha maneira inconsciente na cabeza cando estamos facendo Galicia en goles. Explícome. Normalmente, os presentadores de radio dirixímonos a un ointe "imaxinario" que necesitamos establecer a modo de "receptor" do noso parlamento; por que para que se estableza unha comunicación, ainda que pareza unha "perogrullada", son imprescindibles tres elementos: emisor, receptor e medio; o medio sería neste caso, a radio. Cada profesional fai isto dun xeito máis ou menos consciente, hai quen lle fala ao técnico de son, a quen ten enfronte sua e hai quen lle fala a ese "ointe imaxinario" ao que facia referencia. Eu sempre creo unha imaxe na miña mente dese ointe.. na casa -diante do ordenador, ou sentado no sofá mentras le- cando chove, e na rua, na natureza ou no coche , cando vai bo tempo... é só unha imaxe mental, claro.. pero que está sempre presente.

En fin, despois desta confesión, podedes facer unha colecta para sufragarme a terapia :)

Onte arrincamos o programa coa alegría de vivir en directo a vitoria do Extrugasa Vilagarcía ante o Jovent Mallorquín.


Non conseguín unha foto mellor, se alguén ma pode facilitar sería fantástico. Unha vitoria que coloca ao Extrugasa na liga feminina, polo que se suma ao resto de equipos Galegos (a falta de saber cales quedan se se da a ampliación) que nos han dar unha temporada chea de emocións.

Neste equipo xoga Arantxa Novo, que é irmá de Nacho Novo, o Galego que xoga no Celtic.. puxemos a ambos en antena... podedes escoitar ese estoupido de alegría de Arantxa delebrando o ascenso, baixándovos este mp3 que me preparou Xurxo Breixo dese momento en Galicia en goles.

O Depor B, mentres tanto, gañaba ao Coruxo por 1 a 0. O que nos transmitiu Gonzalo Soto desde "o mundo do fútbol" foi que un empate sería máis xusto, pero o Depor B está lanzado a disputar unha gran fase de ascenso que esperemos que os leve á 2ª B, e ten a sorte do vencedor. Non hai quen os pare.

A quen non parou ninguén, foi a Pedro Burgo, que venceu o Rally de Noia.


Durante a carreira, produciuse un accidente no que resultaron feridos uns compañeiros da TVG, que por sorte non sufriron ningunha lesión de importancia.


E outra gran noticia que nos chegaba desde o mundo do motor, era a victoria de Amador Vidal no rally de terra de Granada, colocándose de lider do campeonato, do que foi campión de grupo N o ano pasado.


Alberto Freire, mentres tanto, levábanos a Padrón a vivir o ambiente da 44ª Clásica de Pascua, que coma sempre organizaba o clube cilcista padrones, que este ano fai o seu 50 aniversario.


O vencedor da proba foi o Portugués José Mendes do Vila do Conde, por diante do corredor do Autronic CC Vifués, Jesus Covelo.

E por fin chegou a gran cita da tarde: Balaidos. Alí desprazamos a Xavier Oreiro e Manolo Canabal, acompañando a Xaime Escudeiro e Pedro Pablo Alonso. O partido empezou con moita disputa, e o Zaragoza semellaba que ia ser unha vez máis a "besta negra" do Celta. Non esquezades -eu non o farei nunca- que o Zaragoza lle gañou duas finais de copa ao Celta e que sempre é un rival temido. Pero todo cambiou de repente. Contraataque, Baiano erra o un contra un, e no rexeite chega Cannobbio. Balaidos estoupa.


E chegou o segundo... de novo Jorge Larena, que semella que as noticias da sua posible incorporación ao Celta na temporada que ven estalle dando máis confianza. Na segunda parte, Perera, o xogador máis rendible da liga, e de novo Cannobbio, pecharon unha noite máxica en Balaidos.

E así foi como o viu a prensa Viguesa..

E así foi como o viu a prensa Zaragozana..


Entre un programa e outro, sucederon varias cousas... unha, que gañaba o Celta B, con gol de Roberto, que pese a que o Ourense perdía contra un dos rivais directo dos celestes -o San Isidro- cunha arbitraxe demencial, segundo nos fixeron chegar un montón de siareiros, colle forzas e convicción para o difícil desenlace da liga que lles queda por diante. Rafa Sáez comentounos na Radio Galega que eles apuntan a librarse incluso de xogar o "play off".

O Negreira tamén xogou pola mañá, e segue coa xeira de malos resultados que os levan semana a semana máis preto do desastre, hai que confiar, pero sobre todo, sumar puntos.

E fútbol, á parte, creo que onte todos comemos cun auténtico espectáculo: o da fórmula 1. Vaia carreirón se deu en Imola... Bravo por shumacher, bravo por Alonso e bravo por Montoya, que nos tiveron en vilo ata as últimas voltas. Fernando non foi quen de adiantar en Imola, resulta prácticamente imposible; e se ao que queres adiantar e o Kaiser, entón é mellor que quedes onde estás, que foi o que fixo o Asturiano...


O domingo, tras facer as previas dos partidos das 5, adquiriu protagonismo o partido do Ramón de Carranza. Cadiz e Deportivo tiñan obxectivos tan opostos como a localización xeográfica de ambos equipos. As voces de Xaime Arias e Gonzalo Soto chegaban perfectamente desde o estadio da "tacita de plata" e pronto chegaron as alegrias co gol de Iago..


Pero incomprensiblemente o partido complicouse pouco a pouco, comezando coa expulsión de De Guzmán e acabando nunha xogada mal arbitrada polo colexiado que deu lugar ao gol Gaditano, a expulsión de Manuel Pablo.... con este panorama, o empate foi do mal o menos.

A prensa de Cadiz pensa que o equipo Gaditano gañou un punto e perdeu dous. Curioso titular, pero que quizais reflicta con acerto o que sucedeu unha vez que o Deportivo quedou con nove xogadores.

Tivemos un montón de problemas coa retransmisión do Castellón-Racing de Ferrol... tantos como os que tivo Xosé Luis Vara, que non foi quen de gañar na sua estrea no fútbol profesional.


O equipo de Vara deu boas sensacións, pero haberá que esperar a que xogue na Malata aroupado polo seu público para que o Racing saia desa posición de perigo.

Quen si sumaba fora da casa foi o Pontevedra, que con moito vento -segundo nos contaba Paco Santos- arrincaba un empate nas illas afortunadas..


O Pontevedra non foi o de outras tardes, pero o importante é sumar e estar na pomada, como soen dicir tantas e tantas veces os adestradores.

Algo máis ca unha pomada, vai necesitar o Breogán. Todalas noticias que nos daba Alfonso Pardo desde o Pazo do Joventut eran malas. O partido sempre foi costa arriba para os de Moncho López e o Joventut gañou sen problemas...


Moncho López aseguráballe a Alfonso Pardo que el non daba nada por perdido... xa veremos, a nova fichaxe e a fe de Moncho, poden mover montañas. Esperemos que o Breogán siga no máis alto do baloncesto Español. Coma Moncho, hai que ter fe.

Andres Vieites tiña, máis ca fe esperanza, de facer os comentarios do Sevilla-Barça, unha vez que Roberto Carlos Carballo e Xavier Oreiro acabaron de contarnos as tribulacións do Madrid para gañarlle ao "todopoderoso" Málaga no Bernabeu.


Roberto Carlos xa nos anunciara que estaba caendo "unha tromba de auga" sobre Sevilla, e que se estaba barallando a posibilidade de que o partido non se xogase...


Xavier Oreiro, que antes ca cura foi fraile, dixo que o partido non se xogaba. E non errou. Finalmente, pouco despois das dez, anunciou que se suspendía o partido. Sevilla e Barça encantados polo descanso que supón cara aos encontros europeos que teñen que disputar esta semana e o público para a casiña.

Nós ainda quedamos un cacho máis; ata as 11 coma todolos domingos. E ainda nos quedaba por facer a quiniela. Nesta ocasión, non puido ser ningún dos invitados que tiñamos programados, xa que os partidos do Racing e Pontevedra reclamaban toda a nosa atención, así que botamos man da nosa compañeira de "Máis berberechos", María Xosé Rodríguez.


Non sei cantos acertos sacará María Xosé, pero seguro que algún máis ca Iago, que só conseguiu 3. Podedes facer seguemento das quinielas de Galicia en goles, no blog da peña Gng.

En fin, que así de excitante foi a fin de semana en Galicia en goles.. e xa non vos digo nada o que pode ser a seguinte, co derbi de por medio. Pero iso xa será dentro de unha semana... ata daquela.. un saudo