Galicia en goles

Blog que conta as miñas experiencias no programa "Galicia en goles" da Radio Galega

26 marzo 2006

Programas 25/26 - 03 - 2006

Hoxe comezamos Galicia en goles dunha maneira un tanto anárquica.. xusto cando nos sentamos nos nosos sillóns, recibimos un despacho de urxencia de EFE no que nos anuncia un accidente de helicóptero que acababa de sufrir Jorge Valdano en México. Coma sempre, nos primeiros minutos as noticias eran contradictorias no que se refire ao estado de saude do Arxentino. Rápidamente conectamos cun compañeiro xornalista Mexicano que nos confirmou o accidente e puña un pouco de tranquilidade con respecto ao estado de saude de Jorge Valdano. O accidente non foi ningunha broma como podedes ver nesta fotografía.


Pode que os mais novos non recordedes a Valdano. Jorge Valdano foi un gran xogador de fútbol Arxentino, campeón do mundo co seu país en 1986 e xogador do Valencia e Real Madrid. Tamén foi adestrador do Tenerife, na que foi a época dourada do club Canario, chegando a xogar a UEFA.

Valdano adestrou durante un breve período ao Real Madrid, sendo tempo despois o seu director deportivo. A el débense expresións que agora son de uso común como a famosa do "medo escénico" do Santiago Bernabeu.

En fin, que agardo que Valdano -que estaba promocionando escolas de fútbol para nenos de barrios marxinais- se recupere pronto e nos siga regalando os oidos coa sua "labia".

Mentres todo isto sucedía, o meu ordenador no estudio era un auténtico caos.. non funcionaba nada, nin o teclado, nin o rato.. ao final démonos conta de que un feixe de cables que había nunha das marañas que temos debaixo da mesa, estaban soltos.. para arranxalo tivemos que levantar a táboa principal da mesa, onde están todolos monitores de ordenador, monitor de ordes, micros e demais parafernalia... menos mal que me axudou Xurxo Breixo, o noso responsable do control central, a quen lle colleu os dedos a táboa mentres estabamos en directo. Non sabedes como aguantou o tipo o pobre de Xurxo para non berrar en directo.. púxoselle a cara colorada. Prometo tirarlle unha foto e publicala no BLOG.

Onte había varias citas deportivas importantes, por exemplo o Deportivo B que xa case está -dunha maneira case insultante- na promoción de ascenso gañándolle ao Santa Comba por 3 a 0, ou os últimos minutos da presente liga do Vigo Valery Karpin ou A Pinguela de voleibol.. vencía o Lobelle na retransmisión de Roberto Carlos Carballo e empataba o Barcel Euro, tal como nos contaba Bibiana Cabo; pero a nosa atención estaba posta toda en Lugo, no pavillón provincial, onde o Breogán recibía ao TAU cerámica. Partidazo. Alfonso Pardo case me infarta varias veces coa sua narración.. moita tensión narrativa a que da o meu admirado Pardo.


Que mágoa que os grandes sempre teñan sorte e aos máis pequechos sempre lles saia todo mal.. A semana pasada perdeu o "Breo" en Barcelona no último suspiro do partido, e onte máis do mesmo. Que cara nos quedou a todos :(

En fin, pola tarde, para comentar os partidos de primeira veu o noso compañeiro da Radio Galega en Vigo, Pedro Pablo Alonso... Pedro ten un chorro de voz só comparable á de Roberto Carlos Carballo, cando narran a sua voz traspasa calquera tipo de aillamento sonoro e soa por toda a radio.. ¿probastes alguha vez a baixar a radio? Non vos estrañe se o sentides no lonxe :) É broma, claro.


Desde que Pedro cambiou de gafas sacounos unha pinta de "intelestual" que tira para atrás.. ¿será este o efecto Vázquez?


Pouco a pouco foronse achegándo máis invitados ao estudio de Galicia en goles..había dous partidos en xogo, o Vilareal 1- Betis 2 e o empate a cero entre Málaga e Barcelona... e Juanjo Vila, o ex-adestrador do Betanzos, puxo os auriculares e abrímoslle o micrófono para que ilustrara cos seus comentarios estes dous partidos.. Xa coñecedes a Juanjo Vila doutras veces.. agora está a réxime e onte fixo un gran esforzo na cea que tivemos posterior ao programa, negándose a tomar un terceiro prato de paella :)))



E o derradeiro partido da noite levábanos a San Mamés... alí un Athletic máis Clemente ca nunca recibía a ese Osasuna que quere ser de Champions, pero que hai veces coma onte, que non parece.. e para debatir ao longo deste partido con Juanjo e co resto do equipo que dirixe Xoán Galán, visitounos un Bilbáino de pro, José Venancio López Hierro, o gran adestrador do Autos Lobelle de fútbol sala. Non coñecía a José Venancio; pareceume un home moi sensato e bo conversador.


Ten bó adestrador o Lobelle.. ainda ten contrato para dous anos máis; non saben nada os de Autos Lobelle.

Total, que así, en liñas xerais foi o programa... cos meus amigos do chat de #galiciaengoles e dándolle voltas á idea da creación dun foro en internet con moitas seccións... pero diso, cando estea todo máis maduro -que xa o está bastante- xa vos darei máis datos.. é que me gusta enredar, ¿que lle vou facer?

Ollo ao programa desta tarde, que vai ser un bombazo.. entre o Celta-Mallorca ás 5 e o Real Madrid-Deportivo ás 7, o Racing de Ferrol, Negreira e Ourense e case todolos terceiras agás o Deportivo B-Santa Comba de onte, imos ter un programa rachador.. e adiántovos unha noticia.. imos ter na bomboneira, no clásico Arxentino Boca-River a un corresponsal que nos vai transmitir a tensión escénica deste choque que había anos que non chegaba tan igualado... Oímonos pola tarde. Mentres vou ver as motos :)


Ola a todos, unha vez máis. A verdade que hoxe foi unha xornada que me deixou un moi diferentes sabores, uns bos.. e outros.. non tanto.

Indudidablemente, os triunfos nas carreiras de 125 e 250 en Xerez, o segundo posto de Pedrosa en Moto GP e incluso o segundo posto de Dani Sordo en Catalunya, foron un aperitivo fantástico. Xa sabedes que Rodrigo Pérez ten un programa de motor -Gas a fondo- que se emite de 14:30 a 15:00 aos Domingos, programa que sempre escoito cando vou camiño da radio Galega para facer o Galicia en goles. Hai anos, máis dos que eu quixera, corrín o campionato Galego de rallies, algunhas probas do campionato de España e mesmo unha do Europeo, co que sempre estou atento á información do mundo do motor. Eramos uns matadiños, pero por falla de gana non era, ¿eh?.

En fin, xa parezo o "abuelo Cebolleta" contando batalliñas :) Galicia en goles comezou con esta información, a dos éxitos Españois no mundo do motor.


Alvaro Bautista gañou en 125; aperitivo do que viría despois


Jorge Lorenzo gañou os 250 CC no circuito de Xeréz "sobrao"


Dani Pedrosa fixo segundo en moto GP. ¡Prepárate, Rossi!



¿Será Dani Sordo o novo "toureador" como lle chamaban no mundial de rallies a Carlos Sainz? ¡Esta pasada fin de semana quedou segundo no Catalunya con só 22 anos! Un fito que so conseguira a esa idade nun Montecarlo, o Italiano Sandro Fiorio.

Mentres Xoan Galán -despois cóntovos unha maldade del- falaba con Rafa Sáez e Argibay sobre as derrotas de Celta B e Pontevedra esa mesma mañá, e logo daba paso aos primeiros compañeiros destacados nos campos, entre eles, Xaime Escudeiro en Balaidos e Andres Vieites no García Calvo, eu puxen en marcha todolos trebellos que utilizo durante o programa.. refírome ao chat, correo electrónico, software de mensaxes SMS e o "piticlín" un trebello do que nunca vos falei. O "piticlín" é un aparello no que se almacenan un montón de efectos que se emiten no programa, tales como o son do gol de primeira división, ou todos eses "ruidos raros" que aparecen de cando en vez por arte de "birle birloque".. preséntovos en exclusiva, o "piticlín".


Ás cinco comezou Balaidos e todolos partidos da xornada de terceira, destacando a goleada do Coruxo en Lalín, tal como nos narraba Rodrigo Pérez, o 3 a 1 do Viveiro ao Bergantiños e por último, o Laracha 2 - Arousa 3..

O Celta pronto marcou, cun gol de Contreras que nos tivo en vilo durante uns segundos, xa que o árbitro non se aclaraba co liña acerca da legalidade do gol do Chileno.. Finalmente o colexiado validou o tanto e "galifamos"..


Borja Oubiña reapareceu e o centro do campo do Celta agradeceuno. Borja segue sendo un "indispensable" no 11 dos Vigueses.

Pouco despois marchamos ao García Calvo, onde Andres Vieites nos deu conta dos detalles do Negreira-Fuenlabrada que comezaba ás 5:30, os partidos do Negreira, igual ca os do Celta B xa son autenticas finais e Andres transmiteunos todas esas sensacións como el sabe. Mágoa que os de Gelucho non poideran pasar do empate, pero menos é nada, ¿non? Nunca se sabe se ese puntiño pode supoñer o "ser ou non ser".

Ian caendo os goles na terceira Galega e na primeira, o Celta marcaba o segundo, Baiano celebra espectacularmente o seu tanto e a parroquia de Balaidos se tranquiliza. Galicia en goles, viaxaba a Huelva para ver se o Racing era quen de sacar algo en terras Andaluzas, esa era a nosa esperanza, e a de Raul Villares, pero pouco a pouco, os Onubenses foron poñéndonos noutra realidade; o mesmo pasaba no Couto, os Canarios pasábanlle por riba ao Ourense, segundo nos contaba Pepe Diz. Temos tantos siareiros do Racing no chat, que case podo sentir na pantalla a decepción tremenda de algúns dos nosos amigos. Pero ainda quedaba tempo para levar alegrías e das grandes, se o Deportivo conseguía sacar algo no Santiago Bernabeu. Xaime Arias estaba radiante na previa e ¿por que non? O Madrid non xoga gran cousa este ano, e o Deportivo fora de casa é moi perigoso, os seus números demóstrano, como diría Xavier Oreiro, que estaba no estudio con Manolo Canabal comentando o partido. Traba estaba en Coruña. Había unanimidade entre todos eles: o Depor dáballe demasiadas facilidades ao Madrid.


A fin da historia xa a coñecedes... o Madrid fixo o que quixo no campo, e trouxemos para Galicia eses catro roscos que apartan ao Depor -momentaneamente, espero- dos postos europeos. ¡Vaia tarde nos deron os merengues, e iso que tiñamos o pálpito de que Iago a ia montar no Bernabeu, pero non era este o dia! Non pasa nada.. quédanlle tardes de gloria a Iago. Moitas. Estou seguro. ¿A que si, Xaime?


E atendendo á petición da amiga Lucía, e tra-la necesaria autorización de Xaime Arias, aquí está a fotografía de "Apolo Arias".. para os que non saibades de que vai todo isto, pego a mensaxe que me enviou Lucía..

Hola Carlos, gustame moito o teu blog sobre todo as fotografias, pero deberias colgar mais de Xaime Arias que é o SEX-SYMBOL da Radio Galega, por certo ¿ten moza? Seguro que si porque un rapaz tan guapo coma él non pode estar solteiro e sen compromiso.

Bueno, espero que me fagas caso e colgues mais fotos del e que lle transmitas os meus comentarios no programa desta tarde. Por certo, chamome Lucía.

¡Un bico!

No estudio tiñamos a Manolo Canabal e a Xavier Oreiro facendo os comentarios; xa vos falei moitas veces deles, igual ca de Traba, que estaba en Coruña.

Durante a conexión que facemos sempre coa TVG para dar os resultados da terceira, houbo duas anécdotas destacables; a primeira, que o noso querido director de Galicia en goles demostrou ser moito máis profesional ca Roberto Carlos e eu, e maquillouse para sair na tele. A maquilladora, unha maquilladora de excepción: Ana Varela. E non o fixo mal a condenada, mirade que rechulo saiu Xoan (Nota: non fagades comentarios negativos, que o pobriño está nunha idade moi difícil. Sei o que digo, eu pasei por iso hai moooooooito).


A segunda anécdota, mais ben "cachada" foi que me liei durante a rolda, e repetín o paso a un campo que xa dera Xoan por que se acababa de marcar un gol. Eu estaba tan pendente de darlle paso ao campo que me tocaba, que nin sequera me dei conta do asunto, así que cando dei paso, todos se me quedaron mirando con cara de.. ¿Pero que fas? ¿Tas tolo ou que? Pois por se non chegase, insistín... e volvinlle dar paso.. Xoan botoume unha man e saimos -non vou dicir airosos- da situación. Son cousas que pasan (que non deberían pasar).

Roberto Carlos Carballo, é durante Galicia en goles, o encargado de actualizar os marcadores de primeira e segunda división, e unha vez que acaba o último partido, o encargado de recopilar todolos datos. Roberto é un ordenador portatil andante.. ten todolos datos na cabeza, e é un xornalista dos pes á cabeza, aquí a tedes (a súa cabeza).



Como últimos ingredientes do programa, tivemos un partido de primeira, o Cádiz 1 - Atlético de Madrid 1, que combinamos co clásico Arxentino por excelencia: o Boca-River.. alí, na bomboneira, tiñamos ao amigo Arturo Lezcano, que ainda que non é un profesional da radio, nos deu cumprida información dos avatares do partido.. moitos me escribistes, comentando que vos pareceu "sosa" a retransmisión, pero non a tomedes como unha retransmisión, senon máis ben como conexiones para coñecer o resultado, polo anteriormente exposto.


Así o viu o xornal "Olé", do que vos poño a portada dixital, a modo de ilustración.
Total, que a xornada rematou, todos fomos para a casiña e seguiron "as berberechas" dando guerra nos micrófonos da Radio Galega.. nós volvemos, sábado, coma sempre, ás seis. Que pasedes unha feliz semana.