Programa 15 - 03 - 2006
Lamentablemente non puido ser. O Deportivo quedou no ano do seu centenario sen final de copa; e por partida dobre: sen poder xogala e sen poder acollela no seu estadio. A noite tiña todolos ingredientes para ser perfecta; Riazor tiña unha medio brétema que facía de escenario perfecto para converter a "bomboneira" Herculina nun inferno para os "periquiños".. había moita xente nos arredores do estadio e todo presaxiaba unha desas noites inesquecibles.. pero antes de entrar en detalles, vouvos contar -para aqueles que non puidestes escoitar o programa- que onte nos desprazamos unha boa parte do equipo a Riazor para retransmitir en directo o pase á final do Deportivo. Tiña moita gana de ir a Riazor, había uns oito anos que non entraba neste estadio tan rechulo, en concreto desde un Deportivo-Celta do ano 98 -creo recordar- cando Irureta adestraba o Celta. Riazor está precioso, e ten ademáis esa proximidade tan grande ao centro da cidade que fai que Coruña enteira se empape do ambiente do partido. Queiras ou non.
Total, que a iso das 6 da tarde recollín ao "Mister" Oreiro para sair cara á Coruña.. a medida que pasaban os quilómetros foise pechando a néboa e eu -que xa lle deu de comer abondo aos chapistas- levantei o pe do acelerador, e polo tanto, ainda nos deu para latricar un pouco máis se cadra. Canto estou aprendendo de fútbol con Xavier.. que distinto é este negocio visto desde dentro.
Unha vez que aparcamos e nos tomamos un café quentiño nun dos bares próximos ao estadio, accedemos a Riazor pola porta de prensa para reunirnos nas cabinas da Radio Galega e TVG con Xoan Galán, Xaime Arias, Xosé Manuel Traba, Raul Villares, Gonzalo Soto, na narración e Nacho Besteiro e JJ (Juan José, tes que perdoar pero sempre fuches JJ, e agora non me lembro do apelido) que se ocupaban da cuestión técnica, é dicir, de que o sinal de todolos micrófonos fixos e os inarámicos de Gonzalo Soto e Raul Villares, conectaran perfectamente ao enlace que vos facía chega-lo suas voces aos vosos receptores.
Vouvos presentar a Nacho e JJ. Hai tantos anos que coñezo a Nacho, que creo que eramos novos daquela. Con iso xa digo todo. Esta foto tireina no partido da selección Galega, pero e que é bastante mellor que a que fixen onte, e tanto un coma outro merecen unha foto como ten que ser.

Unha cousa que me chamou moito a atención de Riazor, foi que hai moitisima xente fora do estadio ata moi poucos minutos antes de que comece o partido, o que me parece que vai en contra do equipo, xa que non sente a calor do público ata que o partido non está case empezado; e o rival tampouco sente a presión da "caldeira de Riazor", mesmo. Este era o aspecto, en todo caso, dun dos fondos visto desde a cabina da Radio Galega, durante o descanso do partido.

O partido, en fin, xa sabedes que foi unha lenta agonía planificada por Lotina, quen gañe o que gañe, xamais nos convencerá de que isto é fútbol, ou polo menos, o fútbol que fai que todos vibremos. Lotina plantexou o seu famoso "lotinaccio", e apostou todo a dobre ou nada; se marcaba o Deportivo, seguramente o Espanyol non tería capacidade de reacción, xa que todo estaba pensado nese equipo para "non xogar, nin deixar xogar" coa racanería habitual de "Soso" Lotina. Isto foi algo que destacaron inmediatamente, os nosos especialistas, Xavier Oreiro e Xosé Manuel Traba.. Por certo, que boa xente é Traba; coñecino onte. Tenme pinta de ser un cachondo mental. Pasoume un detalle moi divertido con el; resulta que estabamos falando no descanso, das posibilidades do Deportivo para pasa-la eliminatoria.. e vai Traba e dime: "Oes, Carlos, e había ben tempo que non viñas a Riazor..." ao que lle contestei eu: "Home, desde que vos empatamos aquí con gol de Patxi Salinas".. O pobre de Traba quedou de pedra: "Ai, eu pensaba que eras do Deportivo". As risas de Gonzalo Soto e Xaime Arias soaron por toda a zona de prensa, e o pobre de Traba, unha vez superado o momento, tamén escachou coa risa. Foi un pracer coñece-lo e espero que teñamos máis oportunidades de coincidir. Aquí tedes a este gran xogador que foi Traba, que cambiou os desmarques polas hipotecas, e que agora temola honra de contar con el na Radio Galega.

A min encantoume sempre o aspecto táctico dos partidos, como se moven os xogadores e como cambian as estratexias ao longo dos partidos... con Traba e Oreiro, é coma un cursiño continuo de fútbol. Saben moito, e saben contalo.. é un luxo auténtico; nas suas voces, poidemos intuir que Caparrós non era capaz de encontrar solución a aquela sensación de impotencia que respirábamos en Riazor. Nun bloque publicitario, Xavier explicounos a Xoan e a min en poucas palabras algo que me describiu o escenario que tiña diante dos meus ollos: "Mirade, en fútbol, ti podes combinar, tocar, mover, face-lo que queiras para leva-lo balón á area contraria, pero chega un momento, nas proximidades da área, que tes que disparar, meter un balón en profundidade, centrar, ou encarar e meterte na área, e o Deportivo, nin dispara, nin da bos pases en profundidade, nin está dando bos centros.. e como xa ves, ninguén encara.. e así, por moita posesión que teñas, non marcas.. e neste xogo vives do gol". Grazas, profe. Apunteino. Xavier Oreiro.

A tensión aumentaba en Riazor... e así nolo contaba Raul Villares desde o palco de autoridades, no que ao parecer, o señor Lendoiro -como dicía a miña avoa- tiña cu de mal asento.. e iso é mal sinal...
Raul Villares é un xornalista que sabe moito de fútbol, e isto non o digo eu, dixoo unha persoa que sabe moito máis de fútbol ca el -de quen vou oculta-la sua personalidade, por petición expresa do interesado- e comparto esta opinión. Raul é o noso home na Malata. Outro crack.

E a pé de campo, estaba ese "peaso de xornalista" que é Gonzalo Soto.. nas rodas de prensa en Riazor só hai unha persoa que fale máis ca el: Caparrós. ¡Unha aperta, figura!

Pero hai alguén nesta noite do que apenas falei ainda... un home do que xa se creou certa expectación no BLOG, especialmente entre as lectoras femininas. Francamente non o entendo, por que Xaime Arias é feísimo, sobre todo se o comparamos con Gonzalo Soto e comigo, pero en fin... para gustos hai cores, ¿non era así o conto?
Xaime, xa sei que onte sufriches moito, e transmitíchesnos na tua narración ese sufrimento... ti cumpriches co teu.. o Deportivo xa terá máis noites de gloria. Seguro. Vale, vale.. case noto a presión das tuas fans, para que poña a tua foto e me deixe de rollos... pois aí vai .. Unha aperta, socio.

Nota: non me fago responsable dos desmaios, ataques de histeria ou ansiedade que se poideran producir por culpa desta foto :)
Total, que acabou o partido, o Espanyol pasou e o Deportivo quedou.. pero hai vida despois dunha eliminación da copa, e comeza xusto dentro de tres días, e Xaime, Gonzalo, Raul, Xoán Galán, todos.. estaremos en Galicia en goles para contalo..
P.D. Xefe Galán, ¿adiviña cal foi a única foto que non saiu ben?
