Artigo 14 - 03 - 2006
Ola a todos... en primeiro lugar, quérovos agradecer a todos a cantidade de mensaxes e comentarios que estades facendo no BLOG.. é moi halagador saber que alguén pode perder un minuto da sua vida en botarlle un ollo a todalas cousas que publico neste invento. Pero, que pasa? Ás veces, tan sorprendente pode ser unha nova como o tratamento que a esta se lle da. Penso que este é un deses casos nos que un se pregunta por qué un tema tan grave é acollido con tanta morneza por parte de quen debería reaccionar coa firmeza doutras veces nas que está menos xustificada. A humillación da que está a ser obxecto Giova non está atopando a contundencia na resposta que os medios que se din defensores dos intereses do país deberían ofrecer. Porque o ataque do que é vítima un xogador que é exemplo de xogo limpo, lembremos o seu comportamento na desgrazada lesión de Manuel Pablo, non atinxe unicamente ao profesional que o padece. Todos estamos a ser humillados, o Celta, a súa afección (nós), a cidade de Vigo e, por extensión, Galiza. Tentarei explicar isto máis adiante. Lembremos. Un xogador, que non é precisamente un xuvenil nin ten que demostrar nada, sae dunha lesión, xoga uns minutos nun Pontevedra – Celta de Segunda División e da positivo por unha sustancia que é máis ca posible que sexa de produción endóxena. A sanción que recibe é a estipulada para tales casos: dous anos de suspensión (máis a multa de mil cincocentos euros, neste caso). Todo acontece no marco dun precedente criado por un xogador vasco (igual ca o presidente da RFEF) que perante semellantes circunstancias élle concedida a suspensión cautelar e pode xogar sen ningún problema, ese xogador pertence ao Athlétic de Bilbao, por certo... Ao futbolista do equipo que pertence ao que pola capital do Estado coñecen como “periferia” non se lle permite xogar baixo o réxime de “suspensión cautelar” malia seren recoñecidas irregularidades no proceso, que en circunstancias normais deberían sobrar para anular o mesmo. Voltando ao fío do encabezamento, para os medios locais e autonómicos segue a ser prioritario o que acontece cun grupo de caprichosos millonarios “malcriados” e todo o que arredor deles se move antes que o ataque do que, no fondo, tamén eles son vítimas (como galegos). Sei que a estas alturas, algún dos que isto le está pensando na “paranoia política” de opresores e oprimidos. Que saiban eses que non é así, pero explicareino con máis casos. Ano Pero este enlace de curiosidades non se limita só ao fútbol. Un deporte minoritario, o triatlón, ten como maiores figuras a dous deportistas que curiosamente son tamén dos confíns da Terra dos que proceden os dous equipos que até o de agora viñan protagonizando estas liñas. Na convocatoria para os XXOO de Atenas ’04, un deles, Xabier Gómez Noya é inexplicablemente exlcluído en favor doutro compañeiro (por certo, vasco) malia demostrar a súa maior calidade e mellores condicións para afrontar con posibilidades de éxito tal competición. Poucos meses despois, a Xabi retíraselle a licenza de competición por uns supostos problemas cardiacos que son negados tanto polo propio deportista, como polos médicos da Federación Galega como polos máis salientables especialistas mundiais na materia (en concreto, o Doutor McKeena). Despois de moito tempo de insistencia e loita no que o triatleta non pode competir, concédeselle o permiso en curiosas circunstancias: baixo a súa total responsabilidade médica (é dicir, a Federación Española non se ocupará de nada en caso de que o deportista sufra calquera percance pero si engadirá un metal ao seu medalleiro se Gómez Noya o logra). Na última proba da Copa do Mundo, celebrada a pasada semana, Xabier remata segundo. De seguro que existen máis casos que poden ilustrar esta curiosa actitude que dende Madrid teñen cara a nós. De feito, se nos importara o máis mínimo a Selección Española de fútbol podiamos laiarrnos de que o o quinto clasificado da Liga non aporta ningún xogador ao que din “equipo de todos” (eu riome) e si o fai un en postos de descenso do que son chamados tres ou catro futbolistas cuxo valor aprecia o seleccionador ...e a prensa de Madrid (Pinto, Angel, Oubiña, non lles fagades caso). Tamén podemos apuntar, para non variar de protagonista, que durante o noso glorioso ano na Champions, fomos os primeiros e sermos desprazados nas retransmisións da Televisión que todos pagamos á segunda cadea por xogar un partido carente de interese (fronte ao Bruxas), porque a quen lle importa con quen xogue algún equipo que non sexa o deles? Pero os medios de comunicación que se din defensores dos intereses da cidade e das súas xentes, así como da Comunidade enteira e dos galegos e galegas, seguen atentos a se os de sempre fichan a un ou a outro, se pelexan ou se saen de noite, se están contentos ou tristes, se rin ou se choran. Mentras, nós atendemos perplexos a este curioso concepto de igualdadde diante da xustiza que eles imparten. Supoño que agardaremos a que o tema salte ás tertulias dos imparciais cacareadores de “rondos”, “maracanás”, “longueiros” e demais xuíces do xusto e do inxusto para despois dicir iso de “que importantes somos que falan de nós en Madrid”.
Querialle enviar unha aperta moi grande a Everton Giovanella e a toda a sua familia, por que estes son momentos duros na vida dun deportista que o deu todo non só polo Celta, senon en todolos equipos nos que estivo antes.
Recibín esta noite unha carta do amigo Santi, que é ointe da Radio Galega e polo que se ve, lector deste BLOG, que me pide que lle publique a súa reflexión; cousa que fago con moito gusto.
Grazas Santi. Grazas a todos. Unha aperta.
Santi ML
14 de marzo de 2006
