Galicia en goles

Blog que conta as miñas experiencias no programa "Galicia en goles" da Radio Galega

27 febrero 2006

Inicio

Luns de antroido...

Por razóns que descoñezo acabo -por fin- de xunta-la concentración e forzas necesarias para poñer en marcha este vello desexo de compartir na rede con.. ¿alguén? a miña experiencia nun programa de radio tan distinto a calquera outro, coma "Galicia en goles" na Radio Galega.

No último cambio de directivos na CRTVG, despois das eleccións Galegas do 2005, Terio Carrera sustituiu a Xesús Lodeiro na xefatura de deportes; circunstancia que foi moi relevante para a miña carreira, xa que Terio poucos minutos despois de recibi-la comunicación do seu nomeamento falou comigo na cafetería da Radio Galega e fíxome saber que quería darlle un gran xiro ao "Galicia en goles"; seguindo a inspiración da cadena SER, pioneira neste tipo de shows deportivos (eu crecín con don Vicente Marco, pai de "Carrusel deportivo" e co meu admirado Joaquín Prat que facía a animación). Terio quería -e quere- dar máis show, incluindo a publicidade en directo, e introducindo algo máis de humor e ritmo no programa.

Total.. que despois de media vida facendo entrevistas e programas de todo tipo na radio e na tele... e outra media traballando de locutor publicitario e de actor de dobraxe, agora tocaba algo que nunca fixera antes.. e que me parecía moi difícil.. ainda que bastante menos do que agora comprobei que é..

Desde un primeiro momento puxémonos a darlle voltas a como dar un producto que se diferenciase dalgún xeito do ofrecido tan exitosamente por Paco González e Pepe Domingo Castaño no "Carrusel deportivo" de hoxe en día e realmente non é doado, xa que desde calquera óptica que enfocáse-lo asunto sempre caías no mesmo: soa a "Carrusel".. ata que un día de lucidez -por que ata incluso eu chego a ter días lúcidos- tiven a lucidez, digo, de darme conta de que "Carrusel deportivo" non era un programa, ou cando menos, non era só un programa, senón que se trataba dun "xénero radiofónico" que eu descubrira nos anos 60-70 na radio "Skreibson" a válvulas do SEAT 1500 de meu pai. Xénero que anos despois, tras moitos reaxustes e cambios de profesionais, Paco González e Pepe Domingo Castaño se encargaron de elevar ao que os Americanos chaman "state of the art".

E como tal xénero o tomamos; sen complexos, e conscientes de que a diferenza doutras emisoras nacionais como a COPE, Onda Cero ou Radio Nacional, contabamos cunha série de elementos diferenciadores que xogaban ao noso favor e que nos daban o punto diferencial que buscabamos:

1º) O ámbito do programa; para nós sempre contará máis -salvo que se estean xogando algo- un Celta B - Coruxo, un Laracha - Depor B, ou un Ourense - Lugo ca un Sevilla - Valencia; e non digamos un Celta - Deportivo, que para nós é coma un Madrid - Barça xogándose a final da champions :) É dicir, damos unha información que a nosa audiencia non a pode atopar en ningún outro medio, por que a temos nós; nada máis..

2º) Facémo-lo programa na lingua nai da nosa audiencia, o que nos abre toda unha serie de posibilidades comunicativas coas que os demáis non contan

3º) temos unha audiencia moi fiel, que desde hai 20 anos non deixa de subir; en parte, posiblemente, polos dous argumentos que acabo de enumerar; e como non, sen dúbida, polo traballo de todolos profesionais que dirixiu durante os últimos anos Xesús Lodeiro no departamento de deportes e coa dirección de Xoan Galán deste Galicia en goles que vai camiño do cuarto de século en antena.


Así que despois do nadal, cando se xogou a famosa eliminatoria da copa do rei en Riazor entre Deportivo e Valencia, comecei a miña andaina en "Galicia en goles". Cando acabe a temporada, farei balanzo da experiencia.. e mentres tanto irei comentando as miñas experiencias e presentándovos algúns dos invitados que pasan polo programa, para que -se queredes- vos baixedes algunha foto deles e para -en definitiva- compartir con vos esta experiencia profesional apaixoante que me está tocando vivir. Grazas Terio.